Puntilla
Puntilla conchiña [Encaixe Galego Tradicional-Concepción Canoura Leira]
É a parte do encaixe cuio borde queda libre normalmente, é dicir, non se une á tela. Esta parte non existe nos entredouses nin en outros tipos de encaixe, que levan pé en todo o seu perímetro. Tamén existen algunhas labores que levan puntilla polos dous lados, carecendo de pé.
Na súa confección poden intervir pares que lle chegan dende o centro da labor e/ou pares que son exclusivos da puntilla propiamente dita. As puntillas de par enteiro ou par enteiro volteado levan un par volteado que delimita o borde libre.
Conchiña
É unha puntilla de par enteiro e par volteado, en forma de media concha ou media lúa.
Unha variante da conchiña é a arola, que se realiza con dous pares guía, os cales se van cruzando.
Berberecho
Puntilla berberecho [Raizame do Encaixe Galego-Concepción Canoura Leira]
Esta puntilla distribúese formando arcos cun ángulo normalmente de 45º e leva unha serie de piques paralelos ó radio, dende os cales vai e volve o par guía ata o arco, formando un debuxo similar o da concha dun berberecho. Está confeccionada cun punto de par enteiro e /ou par enteiro volteado.
Podemos distinguir dous tipos:
- Cun pique xunto ó vértice e varios paralelos ó radio. Á súa vez poden ser de par enteiro e par enteiro volteado, ou só de par enteiro volteado.
- Cun dos piques separados do vértice e varios paralelos ó radio. Á súa vez poden ser de par enteiro ou enteiro volteado, ou só de par enteiro volteado.
Puntillas de cordóns
Puntilla cordóns [Raizame do Encaixe Galego-Concepción Canoura Leira]
Este tipo de puntilla, como o seu nome indica, ten como característica fundamental a de estar formada por cordóns. Estes cordóns podémolos atopar dispostas de tres formas distintas:
- Enganchados a unha base de par enteiro ou medio par (a máis típica). Dentro deste grupo podemos distinguir unha puntilla moi característica, cuia forma é similar a da pirámide ou escaleira.
- Unidos a outros motivos do centro.
- Bordeando unha puntilla de outro tipo.
Tipo gitana
Puntilla gitana [Encaixe Galego Tradicional-Concepción Canoura Leira
A labor da gitana é, quizais, a máis característica e coñecida da zona, posto que é das primeiras que se aprenden a traballar. Por analoxía, ás puntillas similares a esta labor chámaselles "gitanas".
Esta puntilla distribúese formando ángulos de 45º e tendo un ángulo por cada arco.
Podemos distinguir dous tipos:
- De medio par.
- De par enteiro (soen levar calados de par enteiro volteado)
Tipo corazón
Puntilla corazón [Encaixe Galego Tradicional-Concepción Canoura Leira]
É un tipo de puntilla, xenericamente de medio par, aínda que podemos atopar algunhas de par enteiro.
Neste grupo temos tres tipos de puntillas:
- Unha serie de puntillas "lobuladas" nas cales por cada ángulo existen varios arcos.
- Puntillas con varios ángulos para un mesmo arco.
- Puntillas, cuio centro do radio non coincide co centro do arco.
Tipo pluma
Pluma e plumaflor [Encaixe Galego Tradicional-Concepción Canoura Leira]
Este tipo de puntilla chámaselle así debido a súa similitude coa pluma dun paxaro, pola súa forma alargada con un eixe central e múltiples eixes secundarios. Está confeccionada con punto de par enteiro e punto de par volteado.
Dentro deste grupo distinguense dous tipos:
- Plumiñas, que son similares ás puntillas do "berberecho", pero son ´máis alargadas e reciben pares lateralmente para "suxeitalas" unhas a outras.
- Plumaflor. Esta é unha puntilla moi característica que dá o seu nome á labor que a leva. Está formada por unha onda continua de par enteiro que vai ó longo de toda a labor. Esta onda ou "ese" continua , leva unha serie de unións de par enteiro volteado que manteñen a súa estrutura, podendo levar tamén zurcidos para suxeitar esta.
Simona
Puntilla simona [Encaixe Galego Tradicional-Concepción Canoura Leira]
É outra das puntillas máis características da zona. Dá o seu nome á labor que leva, e por analoxía chámaselles así tamén ás puntillas similares. Esta puntilla forma un ángulo normalmente de 45º no cal se van distribuíndo unha serie de arcos.
Na auténtica "simona" podemos distinguir tres espazos:
- O máis próximo á puntilla leva zurcidos.
- Un espazo intermedio de medio par.
- Un terceiro espazo cunha serie de arcos que leva teares, par enteiro volteado e cordóns con ganchos.
Acordeón
Puntilla acordeón [Encaixe Galego Tradicional-Concepción Canoura Leira]
O seu nome venlle dado pola similitude que ten con un fol dun acordeón.
Esta puntilla é un caso particular, porque non podemos dicir que é unha puntilla en si, se non todo un conxunto. Considerámola como un conxunto, porque os seus pares van desde o pé ó borde oposto da labor.
Está composta por "barras" paralelas de par enteiro, separadas por filas de rombos de par enteiro volteado unidos entre si.
Estes textos foron seleccionados da publicación do Concello de Camariñas “Características del encaje de Camariñas”da autora Concepción Canoura.