Século XVIII
Coa chegada da dinastía borbónica ábrese o século XVIII e un interese por parte do Estado en potenciar a economía nacional. Sen embargo, haberá que esperar ó último cuarto de século para ver a primeira planificación da industria española no "Discurso da Educación popular" do marqués do Camponares, publicado en 1774 e que supón un claro reflexo dos postulados ilustrados, proteccionistas e tendentes a paliar a deficitaria balanza de pagos española. Na advertencia preliminar do discurso sobre o fomento da industria popular, refírese á intención de promover esta industria por medio das Sociedades Patrióticas dos Amigos do País, coa axuda de Bispos, Cabildos, Comunidades eclesiásticas e párrocos de vilas e aldeas, demostrándose que coa industria "gana la balanza del pais industrioso sobre los rudos y faltos artes".
Galicia xa contaba cunha importante produción de liño, que foi base do desenvolvemento da manufactura de lenzos e encaixes galegos, chegando a ter que importalo no século XVIII. Hasta este momento o fiado facíase con roca, pero as transformacións encamiñadas ó progreso do sector téxtil provocarán a potenciación do uso do torno, para obter unha maior perfección no fiado. Así, a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, fundada en 1785, fabricou tornos e repartiunos entre as artesás, ademais de establecer escolas para a aprendizaxe do seu funcionamento.
Sen embargo, ó carecer Galicia dunha política aduaneira propia, o que protexe os seus intereses, mostrábase indefensa ante o comercio estranxeiro o outras zonas da península máis desenvoltas. O correxidor de Ferrol proporciona, en 1770, unha lista de produtos estranxeiros que entran nos portos do Departamento e entre outro datos di "...De los paises del Norte, y otros del Mediterráneo entran en el Puerto del Ferrol, Embarcaciones Holandesas, Dinamarquess, Suecas y otras, con Terciopelos, Damascos, Medias, Gorros, Encages, Hilo, Blondas, y Puntas para mantos..."
As dificultades para a expansión do comercio interior, debidas, sobre todo, á forte competencia de outros centros encaixeiros, vense agravadas pola precariedade do transporte e das vías de vías de comunicación. Aínda así, no século XVIII prodúcese unha expansión da manufactura do encaixe de bolillos en Galicia.
A Igrexa tamén foi unha gran consumidora de encaixe, as pezas antigas que en maior cantidade chegaron ata nós son pertencentes a ornamentos sagrados como frontais e manteis de altar, vestiduras sacramentais e indumentaria de imaxes relixiosas. A igrexa nutríase destes accesorios, ben a través de ofrendas e doazóns -de particulares e confrarías- ou ben comprándoos, como podemos comprobar na documentación que sobre a igrexa parroquial de Camariñas se conserva no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.
Nestes libros de Fábrica, inventarios das administracións parroquiais, pódese ver a relación de compras de encaixe para a igrexa de San Xurxo, dende o ano 1737 ó 1846. Pezas de encaixe para sacerdotes, como albas, amitos, corporais, roquetes, cornixais (que nestes textos chaman cormialares) Tamén figuran nesta relación ornamentos para as vestimentas das imaxes, como é o exemplo da cofeta ou tocado da imaxe de Santa Mariña.
Datos relevantes referidos ó encaixe durante este século proporcionados polo Catastro do Marqués da Ensenada, ministro de Fernando VI. Trátase dun valioso censo realizado a mediados de século que contabilizaba as riquezas, bens e poboación dos reinos de Castilla e León. Por el sábese que, por exemplo, na cidade de Pontevedra había 320 encaixeiras e 13 comerciantes de encaixe (cifras reveladoras de que nesta época era o sector artesán máis numeroso) e así mesmo menciónase a existencia de mestras e oficialas, pese a carecer dun gremio regulador da profesión.
Outra obra fundamental para o estudio desta artesanía, é a realizada polo economista Eugenio Larruga, que nas súas "Memorias políticas e económicas sobre os froitos, comercio, fábricas e minas de España", publicadas en Madrid entre os ano 1787 e 1800, fai mención a diversos lugares en Galicia onde se facía encaixe e sinala que "la maioría de las mujeres se ejercitan en hacer encajes de hilo que ellas mismas se preparan y que sirven para guarnecer ropas, pero no hay fábrica formal"
En 1786 a Xunta Xeral do Comercio e Moeda trata de establecer unha serie de instrucións dirixidas a tódalas manufacturas españolas, co fin de frear o fraude que xeraban comerciantes estranxeiros en América vendendo como seus produtos fabricados en España. Para elo, diríxese ó erudito historiador e prolífico escritor José Cornide (1734-1803-), quen ocupou diversos cargos públicos baixo o reinado de Carlos III, solicitando que complete a relación de manufacturas galegas coñecidas pola Xunta. Neste listado, aparecen citadas Noia e Tui como lugares nos que se produce encaixe.
Na súa resposta, Cornide, referíndose ó encaixe sinala: "... Los encages bastos son ocupación de casi todas las mujeres de la costa desde esa Ciudad (A Coruña) hasta la Guardia (Pontevedra)..."
Estas cartas indícannos as accións proteccionistas do estado ilustrado con respecto ás exportacións e tamén sitúa a xeografía do encaixe por case todo o litoral galego.
É no último terzo do século XVIII cando se abre para Galicia o mercado colonial, a emigración contribuíu na penetración dos determinados produtos galegos nos mercados americanos e existe un gran paralelismo entre a difusión do encaixe e a xeografía da emigración.