Presentación
O Encaixe de Camariñas é un dos patrimonios culturais materiais e inmateriais máis importantes de Galicia. Este portal é unha ferramenta de promoción e divulgación adaptada aos novos tempos que mostra un patrimonio de raizames milenarias que continúa vivo e en continua expansión e crecemento.
Ademais das pezas de rendas, o Encaixe de Camariñas conta con todo un universo de obxectos relacionados coa actividade artesá (palillos, palillas, coiras, almofadas, cartóns, subelas, fíos, cornas …) e tamén con multitudes de prácticas, representacións, expresións, coñecementos e habilidades que xeracións de mulleres palilleiras transmitiron ás súas fillas ou netas (nomes de encaixes, técnicas para encher os palillos, rematar os labores, incrementar ou reducir pares, xestos, chanzas e relatos, cancións e debuxos). Xunto a estes aparecen espazos culturais (palilladas) nos que interaccionan persoas e grupos sociais. Na actualidade tamén aparecen espazos de encontro entre diferentes zonas xeográficas (encontros de palilleiras, Mostras de Encaixe de Camariñas …).
O Encaixe de Camariñas é expresión de identidade dun pobo, resultado da creatividade humana en resposta e interacción co seu contorno e historia. Son as mulleres da ría de Camariñas as protagonistas, causa e fonte de toda esta cultura do encaixe. Ser palilleira forma parte da identidade desas mulleres e do seu rol feminino.
A web que presentamos, herda o nome de MECAM (Museo Encaixe de Camariñas) dunha das experiencias pioneiras na difusión do encaixe de palillos en Europa ao través de internet (blen.net). Camariñas xunto con Novedrate (Italia), Rauma (Finlandia), Vamberk (República Checa) e Vila do Conde (Portugal) desenvolveron esta iniciativa cos fondos do programa europeo PACTE. Mecam.net nace así á internet no ano 1998.
Agora iniciamos unha nova andadura coa cofinanciación da Axencia Galega de Desenvolvemento da Xunta de Galicia e os fondos europeos FEADER. Os obxectivos deste novo portal son os de dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial do Encaixe de Camariñas, contribuír á toma de conciencia da súa importancia cultural e salientar a importancia económica desta actividade que segue a ser un importante medio de vida da poboación de Camariñas. Así mesmo se da a coñecer as singularidades desta artesanía e algunhas produtoras e comercializadoras comprometidas con procesos de certificacións de calidade.
Esperamos que este novo sitio web sexa un punto de encontro e un lugar de referencia para quen desexe achegarse á cultura do Encaixe de Camariñas, mercar artigos artesáns confeccionados coas técnicas tradicionais.
Benvidos e benvidas a este espazo palilleiro.
Alcaldía do Concello de Camariñas